Maximino Romero de Lema
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de novembro de 1911 Baio (España) |
Morte | 29 de outubro de 1996 (84 anos) |
Arcebispo titular | |
21 de marzo de 1973 – Diocese: Aemona titular see (en) | |
Secretario Congregação para o Clero (pt) | |
21 de marzo de 1973 – 18 de decembro de 1986 | |
Bispo de Ávila | |
19 de outubro de 1968 – 21 de marzo de 1973 ← Santos Moro Briz (pt) – Felipe Fernández García (pt) → Diocese: Diocese Católica Romana de Ávila (pt) | |
Bispo auxiliar de Madrid | |
15 de xuño de 1964 – | |
Bispo titular | |
15 de xuño de 1964 – Diocese: Titular see of Horta (en) | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade Complutense de Madrid Universidade Pontificia de Salamanca Pontificia Universidade Gregoriana Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | bispo católico (1964–), Sacerdote católico de rito romano (1944–) |
Carreira militar | |
Conflito | guerra civil española |
Consagración | Antonio Riberi |
Maximino Romero de Lema, nado en Baio (Zas) o 15 de novembro de 1911 e finado no voo de Roma a Santiago de Compostela o 29 de outubro de 1996, foi un sacerdote católico galego, bispo auxiliar de Madrid-Alcalá, bispo de Ávila e arcebispo secretario da Congregación para o Clero.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación e docencia
[editar | editar a fonte]Cursou estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela entre 1927 e 1932. Ao ano seguinte trasladouse a Madrid invitado por Ángel Herrera Oria para facerse cargo da vicesecretaría do Centro de Estudios Universitarios e explicar Historia do Dereito nese centro. Doutorouse na Universidade de Madrid, asistiu por libre a clases de José Ortega y Gasset na Facultade de Filosofía e Letras e exerceu como axudante de cátedra de Dereito Internacional Privado, a cargo nese momento de Antonio de Luna.
Sendo estudante ingresou na Confederación Nacional de Estudiantes Católicos, na Congregación de la Anunciada y San Luis Gonzaga e na Asociación Católica Nacional de Propangandistas, onde mantivo contactos con importantes personalidades e membros da xerarquía eclesiástica, como Alberto Martín-Artajo ou Joaquín Ruiz Jiménez entre os primeiros e frei Justo Pérez de Urbel ou Isidro Gomá entre os segundos. En 1932 foi nomeado presidente da Junta Diocesana de Acción Católica de Santiago de Compostela. No segundo congreso desta organización, celebrado en Santander ese mesmo ano de 1932, Romero de Lema propuxo unha peregrinación a Santiago no ano santo de 1937 «ante la necesidad de hacer frente a la descristianización en que se había enfangado la II República».[1]
Despertada a súa vocación relixiosa nuns exercicios espirituais dirixidos por xesuítas, en 1936 marchou xunto a Ángel Herrera Oria, a estudar Teoloxía na Universidade de Friburgo, centro que abandonou ao pouco tempo para incorporarse como sarxento de Artillaría[2] ao exército franquista durante a Guerra Civil, co que participou na batalla de Guadarrama, entrou en Valencia coas tropas ao mando do xeneral Aranda e foi condecorado polas súas accións.[3]
En 1939 asistiu ao II Congreso da Confederación Iberoamericana de Estudiantes Católicos como membro da delegación española, enviado xunto a Joaquín Ruiz Jiménez e Emilio Bellón.[4] Finalizada a guerra cursou estudos de Humanidades e Filosofía no seminario de Madrid e de Teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma como colexial do Pontificio Colexio Español, durante os cursos 1941-1942 e 1942-1943, estudos que completou na Universidade Pontificia de Salamanca ao verse obrigado a abandonar Roma a causa da ocupación polo exército alemán durante a segunda guerra mundial.
Presbítero
[editar | editar a fonte]Finalizados os estudos eclesiásticos foi ordenado presbítero en Santiago de Compostela o 23 de decembro de 1944, cando contaba trinta e tres anos de idade, polo bispo de Lugo, monseñor Balanzá.
Logo dunha breve estancia na parroquia de Maliaño, foi consiliario de Acción Católica en Santiago de Compostela, capelán de colexios universitarios en Madrid, subdirector do Instituto Social León XIII e reitor da igrexa nacional de Santiago e Monserrat en Roma, onde fundou o Centro Español de Estudios Eclesiásticos para a investigación científica por membros do clero, en colaboración con Joaquín Ruiz Jiménez, nese momento embaixador de España ante a Santa Sé. Tamén fundou a Casa de Santiago, un centro de estudos bíblicos en Xerusalén e un seminario para vocacións tardías en Salamanca. Foi secretario xeral da Obra de Cooperación Sacerdotal Hispanoamericana, o que lle permitiu viaxar con frecuencia a países de Hispanoamérica e coñecer os problemas da súa Igrexa.
Cara 1957, a petición de monseñor Ángel Herrera, fíxose cargo en Madrid da subdirección do Instituto Social León XIII e da reitoría da igrexa do Espírito Santo, do C.S.I.C.
Participou na creación da revista Cuadernos para el Diálogo en colaboración co seu amigo persoal Joaquín Ruiz Jiménez e destacados intelectuais falanxistas (Pedro Laín Entralgo ou Antonio Tovar), comunistas (Carlos Paris), progresistas (Francisco Sintes), conservadores (Luis Sánchez Agesta) e doutras tendencias menos definidas do arco político, como Torcuato Fernández Miranda ou Salustiano del Campo, e participou no primeiro equipo redactor da revista.[5]
Bispo
[editar | editar a fonte]Auxiliar de Madrid
[editar | editar a fonte]O 15 de xuño de 1964 foi nomeado bispo titular de Horta e auxiliar de Madrid-Alcalá e consagrado na catedral de San Isidro de Madrid por monseñor Antonio Riberi, nuncio en España, asistido polo arcebispo de Madrid e o bispo auxiliar de Santiago de Compostela, Casimiro Morcillo e Miguel Novoa Fuente, respectivamente, o 19 de xullo de 1964. Este nomeamento produciuse ao mesmo tempo que o de José Guerra Campos, con quen tiña coincidido como condiscípulo en Roma e Salamanca, en substitución dos anteriores bispos auxiliares de Madrid José María García Lahiguera e Juan Ricote Alonso, que foron nomeados para a diocese de Huelva e coadxutor do bispo de Teruel respectivamente.
Residencial de Ávila
[editar | editar a fonte]O 19 de outubro de 1968 foi nomeado por Paulo VI bispo de Ávila.
En 1971 foi elixido gran chanceler da Universidade Pontificia de Salamanca, institución na que levou adiante, xunto co seu reitor, Fernando Sebastián Aguilar, unha profunda renovación, sacándoa da profunda crise que atravesaba naquel momento.
Segundo información aparecida no semanario católico internacional The Tablet, Romero de Lema suspendeu en 1970 un congreso de sacerdotes e segrares progresistas, procedentes de Cataluña, Castela e o País Vasco, que fora organizado en segredo e que ía celebrarse na súa diocese para tratar sobre liberdades de opinión, reunión, e sindical. A suspensión debeuse ás ameazas do grupo de extrema dereita autodenominado Guerrilleros de Cristo Rey e á chamada do gobernador civil da provincia interesándose pola clase de reunión que ía ter lugar.[6]
Durante os meses finais do seu pontificado, circularon rumores sobre o seu nomeamento como arcebispo de Santiago de Compostela,[7] que algúns medios deron por seguro.[8] Paulo VI tiña interese en colocar a monseñor Romero de Lema á fronte da diocese compostelá,[9] pero o nomeamento non foi finalmente posible por influencias dalgúns grupos de poder[10] e polo veto do goberno de Franco que tiña dereito de presentación.[11] Os mesmos grupos influentes impediron igualmente a creación como cardeal de monseñor Romero de Lema, nomeamento que se anunciou como probable en 1976[12] e que nunca chegou a producirse.
Apoio a movementos progresistas
[editar | editar a fonte]Discretamente e caladamente prestou apoio aos grupos progresistas que xurdían dentro do catolicismo hispano na sociedade dominada polo franquismo. En Roma acolleu na Casa de Monserrat a exiliados republicanos españois e foi preparando aos que foron despois dirixentes da Igrexa española, mostrando unha atención especial a vascos e cataláns. O movemento Cristianos por el Socialismo apareceu baixo a súa protección, é significativo que o documento que serviu de base para o nacemento da agrupación sexa coñecido como Manifesto de Ávila, a pesar de ser o resultado dunha reunión celebrada en Barcelona a comezos de 1973.[13] En palabras de Emilio Romero escritas sendo bispo de Ávila, monseñor Romero de Lema foi o que enxugou «las lágrimas de los sacerdotes jóvenes más atacados y contradichos».[14]
Arcebispo en Roma
[editar | editar a fonte]Paulo VI coñeceu a Maximino Romero de Lema antes de ser elixido papa e designouno persoalmente membro do Sínodo de Bispos en 1971. En 1973, influenciado por monseñor Giovanni Benelli, amigo de Romero de Lema, chamouno a Roma como home de confianza, nomeándoo secretario da Sagrada Congregación para o Clero dentro do plan concibido para internacionalizar a Curia romana. Substituíu no cargo a monseñor Palazzini, creado cardeal no consistorio do 5 de marzo de 1973, sendo prefecto da congregación o cardeal estadounidense John Wright, que autorizara a publicación dun documento criticando a validez da asemblea conxunta de bispos e sacerdotes celebrada en Madrid en 1971. A marcada tendencia conservadora mostrada polos cardeais Palazzini e Wright contrastou co espírito conciliador e comprensivo que os analistas atribuíron a monseñor Romero de Lema. Desempeñou o mesmo cargo durante catorce anos baixo as prefecturas dos cardeais John Wright (1969-1979), Silvio Odi (1979-1986) e Antonio Inocenti (1986-1988), os tres de carácter conservador, ata a súa renuncia por cumprir setenta e cinco anos de idade, que lle foi aceptada inmediatamente.
Segundo informou o teólogo José María González Ruiz, cóengo lectoral de Málaga e amigo de monseñor Romero, o papa Xoán Paulo II manifestoulle a súa intención de encargarlle a prefectura da Congregación do Clero. Porén non só se nomeou para o cargo a outro bispo, senón que monseñor Romero de Lema quedou illado na secretaría da Congregación ata a súa xubilación. Puidera ser que neste illamento e esquecemento por parte do Papa influíra un informe que lle presentou monseñor Romero, no que manifestada a súa intención de aproximarse aos presbíteros casados coa fin de recuperar para o ministerio sacerdotal ao maior número posible deles.[15]
Homenaxe do embaixador ante a Santa Sé
[editar | editar a fonte]Con motivo da súa xubilación, o embaixador ante a Santa Sé, Gonzalo Puente Ojea, organizou unha cea de homenaxe a monseñor Romero na embaixada de España á que asistiron o embaixador de España en Italia, Jorge de Esteban, os secretarios da Congregación para o Clero e do Consello para o Diálogo cos Non Crentes, varios sacerdotes e correspondentes de prensa. Destacouse por algúns medios a ausencia do prelado do Opus Dei, Álvaro del Portillo. Puente Ojea, que na súa etapa universitaria participara xunto a Federico Silva Muñoz na creación dun grupo xuvenil na Asociación Católica de Propagandistas[16] que se reunía ocasionalmente na propia casa de monseñor Romero en Madrid[17] e posteriormente coñecido polo seu agnosticismo militante, pronunciou unhas palabras de eloxio cara ao homenaxeado sinalando que a carreira de monseñor Romero quedara parada na secretaría da congregación sen ser ascendido a prefecto por vontade do papa Xoán Paulo II,[18] e dixo que
«don Maximino constituyó uno de los más sobresalientes iniciadores de un modo de entender el legado evangélico y el anuncio de su mensaje que estaría incoado por el acontecimiento magno de la historia eclesiástica port-tridentina, y que marcó, o deberá marcar, la frontera decisiva entre la Iglesia de ayer y la Iglesia de mañana».[19]
Director espiritual do Seminario Redemptoris Mater
[editar | editar a fonte]Ao xubilarse tiña planeado volver a España, pero a finais de 1987 sorprendeu a noticia de que se faría cargo da dirección espiritual do Colexio Redemptoris Mater, de Roma, centro pertencente ao Camiño Neocatecumenal,[20] onde estivo residindo e exercendo o cargo ata pouco antes da súa morte. Monseñor Romero tivo os seus primeiros contactos co movemento neocatecumenal sendo bispo de Ávila, cando ordenou a varios diáconos do movemento e os incardinou na súa diocese permitindo que se dedicaran ao servizo do grupo que naquel momento estaba iniciándose.[21] Tratábase dun encargo persoal do papa Xoán Paulo II que se interpretou como unha mostra de confianza con monseñor Romero, logo dos anos de illamento na secretaría da Congregación do Clero.[15]
Final
[editar | editar a fonte]Cando, aqueixado dunha grave enfermidade, viaxaba de Roma, cidade na que residía, con destino a Santiago de Compostela, para pasar os seus últimos días de vida na súa terra natal, faleceu no avión que o trasladaba o 29 de outubro de 1996. Logo de aterrar no aeroporto de Barcelona-El Prat, os seus restos mortais foron trasladados a Baio, en cuxa igrexa nova, construída en terreos cedidos polo propio arcebispo, se oficiou un funeral o día 31, ao que asistiron o nuncio en España, monseñor Lajos Kada, o presidente da Conferencia Episcopal, Elías Llanes, os arcebispos de Madrid e Santiago de Compostela, monseñores Rouco e Barrio, o bispo de Ávila, Antonio Cañizares, e o cardeal Suquía, entre outras personalidades. Os restos mortais foron inhumados a continuación no mesmo templo.
Nunha necrolóxica publicada no diario ABC, o teólogo e catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca, Olegario González de Cardedal, escribiu que monseñor Romero foi «liberal frente a los integristas, moderado frente a los radicales y pensador frente a los agitadores».[10]
Predecesor: Santos Moro Briz |
Bispo de Ávila 1968 - 1973 |
Sucesor: Felipe Fernández García |
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- O IES de Baio leva o seu nome.
- Unha rúa de Baio leva o seu nome.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Redondo, Gonzalo (1999). Política, cultura y sociedad en la España de Franco (1939-1975). Pamplona: EUNSA. p. 362. ISBN 84-313-1690-X.
- ↑ Gomá y Tomás, Isidro. Andrés-Gallego, José; Pazos, Antón M., ed. Archivo Gomá: documentos de la Guerra Civil. Tomo 11. Julio-Septiembre de 1938. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. p. 537.
- ↑ Pons Prades, Eduardo (1997). Las guerras de los niños republicanos, 1936-1995. Madrid: Compañía Literaria. p. 487.
- ↑ Delgado Gómez-Escalonilla, Lorenzo (1992). Imperio de papel: acción cultural y política exterior durante el primer franquismo. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. p. 155, nota al pie. ISBN 840007243X.
- ↑ Pando Ballesteros, María Paz (2005). Los democristianos y el proyecto político de Cuadernos para el Diálogo, 1963-1969. Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca. p. 89. ISBN 84-7800-559-5.
- ↑ "The Church in the World". The Tablet. 8 de agosto de 1970. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2014. Consultado o 27 de febreiro de 2014.
- ↑ Rivas, Manuel (8 de outubro de 1983). "Maximino Romero de Lema, probable arzobispo de Santiago". El País. Consultado o 16 de febreiro de 2014.
- ↑ Argos (16 de xaneiro de 1972). "En pocas líneas. Capítulo palpitante". ABC. p. 27. Consultado o 8 de marzo de 2014.
- ↑ Laín Entralgo, Pedro (14 de novembro de 1996). "En memoria de Maximino Romero de Lema". El País. Consultado o 16 de febrero de 2014.
- ↑ 10,0 10,1 González de Cardedal, Olegario (30 de outubro de 1996). "Entre Roma y Santiago". ABC. Consultado o 16 de febreiro de 2014.
- ↑ Rubio, Juan (2014). El fin de la era Rouco: La verdadera historia del cardenal que apostó por la España católica. Barcelona: Península. p. 33. ISBN 978-84-9942-284-8.
- ↑ "Monseñor Romero de Lema posible cardenal". ABC. 9 de xaneiro de 1976. Consultado o 16 de febreiro de 2014.
- ↑ Cfr. Hernández, Abel (1984). Crónica de la cruz y de la rosa. Barcelona: Argos Vergara. pp. 76 y ss. ISBN 84-7178-827-6.
- ↑ Romero, Emilio (1986). Papeles reservados II. Barcelona: Plaza & Janés. p. 206. ISBN 84-01-33306-7.
- ↑ 15,0 15,1 Díez Moreno, José Luis (2004). Camino neocatecumenal. Llamados a salvar esta generación. Madrid: Incipit. p. 120, nota 14. ISBN 84-8198-565-1.
- ↑ Puente Ojea, Gonzalo (2013). Ideologías religiosas : los traficantes de milagros y misterios. Tafalla: Txalaparta. pp. 131–132. ISBN 978-84-15313-52-6.
- ↑ Vega, Pedro; Jáuregui, Ramón (2007). Crónica del antifranquismo: 1939-1975 : todos los que lucharon por devolver la democracia a España. Planeta. p. 350. ISBN 978-84-08-07456-4.
- ↑ Arias, Juan (2 de maio de 1987). "Homenaje en la Embajada ante el Vaticano al arzobispo Maximino Romero de Lema". El País. Consultado o 1 de marzo de 2014.
- ↑ "Homenaje a monseñor Romero en la Embajada española ante la Santa Sede". ABC. 3 de maio de 1987. Consultado o 1 de marzo de 2014.
- ↑ Martín, Santiago (17 de outubro de 1987). "Romero de Lema será el obispo de los neocatecumenales". ABC. Consultado o 1 de marzo de 2014.
- ↑ Díez Moreno, José Luis (2004). Camino neocatecumenal. Llamados a salvar esta generación. Madrid: Incipit. p. 119, nota 2. ISBN 84-8198-565-1.